O Monforte medieval en palabras e imaxes

27/4/07 .- lavozdegalicia.es

Unha exposición complementará o simposio sobre a historia do antigo condado de Lemos que se celebrará na Casa de Cultura entre o 4 e o 6 de maio




Unha exposición itinerante complementará, despois do verán, o simposio O condado de Lemos na Idade Media , cuxo programa -que xa foi dado a coñecer- foi presentado onte oficialmente na casa consistorial monfortina. A exposición, que aínda non ten fixada unha data concreta, inaugurarase en Monforte e percorrerá despois diversas localidades galegas.

O director do congreso, o historiador Anselmo López Carreira, anunciou por outra parte un cambio de última hora no programa. Nas xornadas non poderá participar a profesora e investigadora portuguesa Conceição Falcão Ferreira, quen tiña previsto disertar sobre a arquitectura baixomedieval. No seu lugar falará Amândio Barros, profesor da Universidade do Porto, que dará unha conferencia sobre as relacións medievais entre os portos de Galicia, Portugal e Inglaterra.

O resto do programa desenvolverase tal como se anunciou en días pasados. Entre os días 4, 5 e 6 de maio, na Casa de Cultura, os historiadores Carlos Baliñas, Eduardo Pardo de Guevara, Anselmo López Carreira, Felipe Senén, Luís Miguel Duarte, Carlos Barros e Xosé García Oro, xunto co mencionado Amândio Barros analizarán diversos aspectos da historia medieval do condado de Lemos e as súas relacións con Galicia, España e Portugal. Os filólogos Henrique Monteagudo e Xosé Ramón Freixeiro, o historiador Manuel Núñez e o escritor Lois Diéguez abordarán pola súa parte o idioma, a literatura e a arte da época.

O simposio, organizado por iniciativa do Concello, conta co apoio da Sociedade de Xestión do Xacobeo. Ignacio Rodríguez Eguíbar, xerente deste organismo, destacou no acto de presentación o nivel académico dos relatores e sinalou que a exposición traducirá os contidos do congreso «dunha forma plástica e participativa».

O alcalde Severino Rodríguez e a concelleira de Cultura, Alicia Cadarso, indicaron pola súa que polo momento xa hai unhas sesenta personas matriculadas no simposio. A inscrición é gratuíta e pode formalizarse ata o día 3. Os organizadores esperan que os participantes poidan recibir créditos de libre configuración das universidades de Santiago e da Coruña e da UNED, un aspecto que está a tramitarse actualmente.

Noticias relacionadas

Comenta la noticia desde Facebook

Comentarios

No hay comentarios.