Tania Galán é a gañadora do premio de historia medieval

18/12/06 .- La Voz de Galicia

O fallo foi dado a coñecer onte no salón de plenos de Outes

O acto serviu para recordar a Xosé Agrelo Hermo, recentemente falecido




O salón de plenos do Concello de Outes foi o escenario elixido para dar a coñecer o fallo da sexta edición do Premio de Historia Medieval de Galicia, convocado pola editorial Toxosoutos e a Fundación Comarcal Noia. A obra A xénese do espazo urbano en Galicia, de Tania Galán Gómez, fíxose co galardón.

O alcalde do municipio outiense, Carlos López Crespo, presidiu o acto, celebrado na mañá de onte, e que arrancou coa lectura, por parte da secretaria do xurado, Aurora Marco, do acordo adoptado no que se determinan os gañadores do certame deste ano.

A decisión de outorgar a Tania Galán o primeiro premio foi tomada de forma unánime. A obra galardoada foi definida polo xurado como «un estudo de importancia para o coñecemento da rede urbana da Galicia medieval, cunha bibliografía de investigación actualizada e de fácil acceso para o lector».

Urbanismo

O segundo premio do certame recaeu en César Candelas Colodrón, pola súa obra Urbanismo medieval galego: a fundación das pontes. Neste traballo afóndase na estrutura da vila naquel entón, nas súas pontes e na súa orixe histórica, baseándose nunhas fontes históricas directas, recoñecidas e contrastadas, segundo afirmaron os integrantes do xurado, presidido por Carlos Barros.

Estiveron arroupando a lectura do fallo os rexedores de Noia, O Son, Lousame e Outes; o xerente da fundación; así como un nutrido grupo de representantes da cultura de Barbanza. A entrega dos galardóns e a presentación das obras distinguidas nesta ocasión farase dentro duns meses na localidade de Porto do Son.

O acto serviu tamén para render unha homenaxe á figura de Xosé Agrelo Hermo. Os alí presentes tiveron unhas palabras de recordo cheas de nostalxia e admiración. Aurora Marco fixo entrega dun ramo de flores aos fillos do finado.

López Crespo sinalou que Pepe Agrelo «foi un revolucionario da cultura popular, un gran mestre, e un defensor a ultranza do país».

Noticias relacionadas

Comenta la noticia desde Facebook

Comentarios

No hay comentarios.